A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar os traballos de redacción do Plan de Mobilidade Urbana e Sostible do Concello de Vilagarcía á firma Grupo de Estudios y Alternativas 21 S.L. por importe de 52.150 euros (IVE incluído), rebaixando en 17.850 euros o prezo inicial de licitación. A oferta da empresa madrileña foi a mellor valorada entre as 10 propostas presentadas (unha desbotada por baixa temeraria). A adxudicataria é unha firma cunha ampla traxectoria neste campo tendo realizado, entre outros traballos, a elaboración do PMUS de Hondarribia en 2019 e a Asistencia para a redacción do Plan Director de Mobilidade Ciclista de Madrid en 2006. Para PMUS de Vilagarcía disporá dun prazo de execución de 6 meses.
O PMUS encargado polo Concello será o documento que fixe as pautas para continuar avanzando no modelo de cidade integradora que promove o proxecto “Vilagarcía Avanza”. O plan terá que definir as estratexias e determinar as medidas necesarias para garantir a construción dunha cidade amable para vivir, universalmente accesible e con baixo nivel de emisións de CO2. Para isto serán aspectos fundamentais o urbanismo táctico, a participación cidadá, un transporte público eficaz e o fomento de medios de desprazamentos alternativo e respectuoso co medio ambiente.
A redacción deste documento finánciase cos fondos europeos da EDUSI a través da liña de actuación para a Potenciación e mellora da mobilidade urbana sostible incluída no programa “Vilagarcía Avanza”.
Xunto co PXOM, o PMUS será un dos documentos esenciais para consolidar os principios e valores que fagan de Vilagarcía unha cidade máis habitable e grata no día a día para os seus habitantes. O fin último deste documento será que o Concello conte cunha ferramenta útil para concretar os obxectivos, as estratexias e os criterios para desenvolver a política de mobilidade durante no marco temporal de 2022 a 2030. Para iso deberá definir un conxunto coordinado de actuacións a desenvolver a curto, medio e longo prazo, destinadas a implantar modos sostibles de mobilidade dentro do termo municipal. Isto farase a partir da análise da situación actual, tendo en conta os estudos previos de mobilidade realizados polo Concello e mediante a aplicación das pautas de actuación estandarizadas de referencia na materia.
Mobilidade e urbanismo respectuosos co medio ambiente
Dado que o PMUS é un concepto que contribúe á consecución de obxectivos climáticos e enerxéticos marcados polas directrices europeas, ten necesariamente que ser un plan sostible e cumprir requisitos tales como prever a redución da contaminación do aire e do ruído, as emisións de gases de efecto invernadoiro e o consumo de enerxía; mellorar a eficiencia e o rendemento do transporte de persoas e mercancías e contribuír a mellorar o deseño, o atractivo e a calidade ambiental no ámbito urbano en beneficio dos cidadáns, a economía e a sociedade no seu conxunto.
O documento estruturarase en tres eixos principais:
– Elevar a calidade de vida da cidadanía mediante a mellora do transporte público e das súas condicións de prestación, e mellora da mobilidade.
– Favorecer unha Vilagarcía solidaria. Neste marco tamén se establecerán actuacións para aumentar a protección e seguridade viaria no conxunto da trama urbana na procura do obxectivo “cero vítimas”.
– Liderar a transformación urbanística do municipio.
Urbanismo táctico e participación cidadá
Urbanismo táctico
Dado que a mobilidade nunha cidade está condicionada polo urbanismo, de aí que o PMUS aborde tamén o modelo de desenvolvemento urbano da cidade á hora de plantear o seu marco de actuación e de configurar as diferentes pautas de mobilidade. E neste punto priorizarase o papel do “urbanismo táctico”, de baixo custe e complexidade de execución, pero cun impacto apreciable na mobilidade e na configuración da contorna urbana sen que sexa necesario realizar modificacións estruturais.
De forma conxunta á análise técnica, a adxudicataria do PMUS deberá deseñar e desenvolver un proceso de participación pública, mediante o que involucrar á poboación dándolle voz e corresponsabilizándoa no modelo de mobilidade a implantar na súa cidade.