Dentro dos traballos previstos para a realización do Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS), o concello vén de convocar para o vindeiro luns, a partir das 7 da tarde, no centrosociocultural de Vilaxoán, un acto co que se abre o proceso de escoita e reflexión pública sobre a modelo de mobilidade que Vilagarcía desenvolverá nos vindeiros anos. Un proceso titulado Velaívai!, en clara referencia ao programa que xa se vén executando baixo o título de Vai! e as súas derivantes: Vaibike! (préstamo de bicicletas), Vaibús! (transporte en bus) e Vaiapé! (metrominuto). Partidos, asociacións de veciños, Anpas e diversos axentes sociais como Zona Aberta, Ahituvi ou Arousa en Bici xa foron convocados formalmente.
Con todo, á iniciativa pode sumarse calquera veciño a título individual. Porque, en definitiva, diso se trata. Para que un instrumento de planificación como o PMUS teña éxito, é preciso que a súa definición sexa participativa: veciñas e veciños, axentes sociais e económicos, equipos técnicos e institucións públicas. De aí o acto programado para o vindeiro luns, que contara coa presenza dos técnicos da empresa contratada polo concello, GEA21, para desenvolver ese plan e con ampla experiencia en actuacións similares relativas á mobilidade en Madrid, Vitoria-Gasteiz ou Logroño, por poñer só tres exemplos.
Ademais de presentar a Mesa da Mobilidade, que terá continuidade no futuro noutros lugares do municipio, precisamente para visibilizar que a participación e a mobilidade implican a todo o concello, non só ao casco urbano de Vilagarcía, tamén se realizará un primeiro obradoiro para coñecer “como nos movemos en Vilagarcía de Arousa”, que é o reclamo da reunión.
Ademais da participación presencial, o concello e a empresa abrirán tamén outro canle de escoita: unha enquisa dixital que poderá ser contestada a través da web www.vilagarcia.gal. Igualmente, en videiras datas porase en marcha unha web específica, velaivai.vilagarcia.gal, na que estará dispoñible toda a información e documentación que vaia xerando o proceso de reflexión e participación, e que terminará, cara o mes de outubro, coa presentación da proposta do primeiro Plan de Mobilidade Urbana e Sostible do Concello de Vilagarcía de Arousa.
A elaboración de PMUS está xustificada polas iniciativas políticas e a lexislación europea, nacional e autonómica, diante dos retos medioambientais que afronta a sociedade e o planeta. Ademais de deseñar e planificar as accións a desenvolver nos vindeiros anos na cidade e no municipio, os PMUS teñen tamén como misión fomentar hábitos de mobilidade máis respectuosos co medio ambiente (a pé, en bici, en transporte público), reducindo o uso do coche e outros vehículos privados motorizados e, polo tanto, gañando calidade de vida. Para que iso sexa posible, é necesaria, en primeiro lugar, a participación de toda a veciñanza e esa a razón do proceso que bota a andar o vindeiro luns en Vilaxoán.