No proceso de escoita e participación cidadá para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS), o concello ten aberta unha enquisa na que os cidadáns poden valorar libremente e anonimamente a situación actual de cuestións tales como a accesibilidade, as humanizacións de rúas e prazas ou o fomento de transportes alternativos como as bicicletas, os autobuses ou os desprazamentos a pe. A enquisa tamén pregunta sobre a mobilidade persoal do interesado: onde vive, como se despraza no interior e ao exterior do municipio, as distancias que percorre cada día, cales son os motivos, etcétera. Igualmente, se cuestiona sobre cales son, ao seu xuízo, os principais problemas da mobilidade na actualidade, e cales son as medidas que na súa opinión deberían poñerse en marcha para mellorala.
Tendo en conta que o Plan de Mobilidade marcará o devir da relación da cidade coa cidadanía nos vindeiros anos, o concello fai un chamamento á participación. A enquisa estará operativa ata o 15 de xullo. Pode accederse a ela a través da web municipal –www.vilagarcia.gal-, onde existe un banner específico, pero tamén dende as redes sociais (Facebook e Instagram) e dende este enlace: https://forms.gle/9tgi49cNGbBYtej38.
Os datos recollidos pola empresa Gea 21 –encargada, xunto con Traza Territorio e Rurban de elaborar o PMUS-, serán analizados e incorporados á multitude de datos técnicos que xa veñen recompilando nas últimas semanas: dende os núcleos de poboación ao número de rúas con e sen beirarrúas, pasando polas estatísticas de desprazamentos diarios e os lugares de destino, prazas de aparcamento, liñas de transporte urbano, etcétera, etcétera.
Algúns deses datos son xa de por si ben elocuentes: o 62% dos desprazamentos diarios en Vilagarcía de Arousa se realizan nun radio que nun supera os cinco quilómetros; so o 34% dos movementos se realizan a pé; e mentres a poboación se estanca, o número de vehículos matriculados non para de medrar, o que leva a plantear un uso racional do espazo público para os desprazamentos e os estacionamentos, porque ese espazo é finito. Todos os documentos que se vaian elaborando terán carácter público e poderán consultarse na web específica do PMUS: velaivai.vilagarcia.gal, que estará operativa nos vindeiros días.
Mesa da mobilidade
O proceso de participación cidadá no PMUS arrancou o pasado día 20, no centro sociocultural de Vilaxoán, onde os técnicos expuxeron a entidades -veciñais, ecoloxistas, comerciantes, hostaleiros-, políticos e numerosos veciños a título particular o avance do diagnóstico da mobilidade e o plan de traballo da denominada Mesa da Mobilidade durante os vindeiros meses. Unha vez rematada a enquisa e analizados os seus resultados, o proceso –denominado Velaivai! seguindo a estela do Vaibike!, Vaiapé! ou Vaibús!- continuará cunha nova reunión aberta, a xeito de taller, moi previsiblemente no Carril.
Velaivai! é un proceso para seguir transformando o modelo de mobilidade do municipio, contando con veciños e veciñas, axentes económicos, equipos técnicos e as institucións públicas, que terá o seu reflexo no PMUS, cuxos obxectivos son: Impulsar a mobilidade a pé, en bicicleta e en transporte público; reducir a dependencia do coche; facer as rúas accesibles e cómodas para todas as persoas; adaptar os espazos de estancia para que sexan máis amables e atractivos; acougar o tráfico e mellorar a seguridade viaria; reducir a contaminación do aire e o ruído; evitar a emisión de gases de efecto invernadoiro; e aumentar a autonomía da infancia e a adolescencia. Todo iso, no marco das directivas mundiais, europeas e nacionais para loitar contra o cambio climático e mellorar a calidade de vida da cidadanía.