A PÉ, EN BICI, EN BUS? VAI!
Nos últimos anos, o Concello de Vilagarcía vén apostando pola mobilidade sostible, unha cidade pensada máis para camiñar e menos para os coches. Coa intención de promover os desprazamentos a pé, en bicicleta e en transporte público naceu VAI!, o programa municipal de mobilidade, con información para movernos de forma máis segura e saudable.
Nesta sección podes atopar información sobre os servizos e modos de mobilidade no municipio. Elixe como moverte e contribúe a mellorar Vilagarcía de Arousa!
Vaiapé!
Aínda que desprazarse a pe é o método máis antigo e natural de mobilidade, dous datos chaman poderosamente a atención sobre a súa evolución. Un a nivel global: só unha cuarta parte do espazo urbano se dedica ás persoas; o resto, á circulación e aparcamento de vehículos. E outro a nivel local: en Vilagarcía hai 18.837 turismos e case 38.000 habitantes; dito doutro xeito: un coche por cada dous veciños (motos, autobuses e camións aparte).
Sendo unha cidade plana, onde a distancias son curtas, en tempo e en espazo, como demostra o “metrominuto”, parece evidente que o consumo de espazo público polos vehículos motorizados é absolutamente desproporcionado respecto das persoas. De aí as políticas de humanizacións de rúas e prazas que teñen emprendido distintos gobernos locais nas dúas últimas décadas. Os resultados están á vista: lonxe daqueles malos augurios iniciais, hoxe as rúas peonís gozan de notable actividade social e económica e fan a cidade máis viva e con máis calidade de vida.
Como asegura a propia Comisión Europea, imponse unha nova cultura da mobilidade urbana. Non se trata dunha “guerra” ao coche, senón de fomentar un uso racional do mesmo e, sobre todo, de compaxinar unha cidade “para os cidadáns” con medios de transporte sostibles. Percorrer Vilagarcía a pe non só fai a cidade máis amable, saudable e segura, senón que fomenta as propias relacións sociais.
Vaibike!
O uso da bicicleta está en alza en todo o mundo. So en España calcúlase que arredor de 18 millóns de cidadáns utilizan hoxe a bicicleta con certa frecuencia, tres millóns e medio máis que hai en 2010. As enquisas sinalan, ademais, que é amplísimo o apoio ás políticas públicas que fomentan o seu uso.
Vilagarcía ofrece unhas cualidades xeográficas únicas para moverse en bicicleta. Na actualidade, o Concello está desenvolvendo unha rede de ciclovías, paralelamente ao desenvolvemento das áreas peonís.
As vantaxes do uso da bicicleta son moitas: reduce a contaminación, é segura (dous accidentes de bicicleta por cada cen de vehículos a motor), e mellora a calidade acústica e do aire. Unha bicicleta ocupa cinco veces menos espazo que un coche e o seu mantemento apenas supón un 5% do que esixe un vehículo a motor.
Como estímulo a uso da bicicleta, o concello recuperará nas vindeiras semanas un servizo público de préstamo, o Vaibike!, que ofrecerá 16 estacións e 79 bicicletas, catro delas “handbike”, adaptadas para o uso con cadeira de rodas.
As estacións serán estas, de norte a sur: praza da Liberdade (O Carril); contorna do instituto de bacharelato do Carril; Praia de Compostela; estación do ferrocarril; Cavadelo (xunto á parada de autobuses); estación de autobuses; praza de Ravella (onde se empraza a casa consistorial); rúa San Roque (nas inmediacións do IES Castro Alobre); As Carolinas (próxima ás superficies comerciais); praza de Ramiro Carregal (Fexdega); campo de fútbol Manuel Jiménez (Fontecarmoa); urbanización do Piñeiriño (Sobradelo); paseo marítimo de Canelas (Sobradelo); parque de dona Concha (Vilaxoán); contorna dos edificios de As Gaivotas (Vilaxoán); O Freixo; e urbanización do Rial.
Ministerio de Fomento. “Estrategia Española de Movilidad Sostenible”.
Red Española de Ciudades por la Bicicleta / DGT. “Barómetro de la bicicleta 2017”.
Vaibús!
Cunha longa tradición local, o servizo público de autobuses é, sen embargo, o gran descoñecido para a maior parte da poboación. E, sen embargo, ofrece moitas vantaxes: aforra tempo e diñeiro (un coche é máis rápido para desprazarse, pero tamén precisa dun lugar onde estacionarse); contamina menos: un coche con dúas persoas contamina tanto como un autobús con dez; rebaixa a emisión de gases e reduce a contaminación acústica da cidade; e ocupa menos espazo: un autobús consume un espazo vinte veces inferior ao do vehículo privado para transportar o mesmo número de persoas.
Hoxe, o Concello de Vilagarcía ofrece 11 liñas de transporte urbano, sendo a máis coñecidas e utilizadas a 1 (Vilagarcía-Carril) e 2 (Vilagarcía-Vilaxoán). Pero hai máis: Renza, Fontecarmoa, Cornazo, Galáns, Bamio, Castroagudín… Tamén é posible desprazarse en bus dende Vilagarcía a distintos concellos da comarca.
Certo que a intermodalidade (conexión bus-tren) ten moito que mellorar e que é preciso mellorar as liñas e crear outras novas (competencia autonómica, non local), pero o Concello trata de paliar esas carencias mediante a bonificación do transporte urbano (Vaibús!) e traballa na mellora da información (sinalización de paradas e horarios) e de seguridade (marquesiñas, accesibilidade).