POR QUE MOBILIDADE SOSTIBLE?

Durante décadas, o tráfico e os vehículos motorizados tiveron o protagonismo á hora de adaptar os nosos pobos e cidades, xerando graves problemas de seguridade viaria, accesibilidade, contaminación e ruído. Con todo, a mobilidade debe considerar todos os desprazamentos de persoas e mercadorías, especialmente aqueles que consomen menos enerxía e espazo, xeran menos emisións e ruído, e están dispoñibles para a maioría da poboación. Por iso, é fundamental ter en conta as necesidades cotiás das persoas que camiñan, usan o transporte colectivo ou a bicicleta.

Ademais, no contexto actual de cambio climático, é urxente afrontar os retos do medio ambiente e das nosas sociedades. A nova cultura da mobilidade convida a buscar formas de vivir e de desprazarnos que sexan máis sostibles, tanto no ámbito global, como no local.

Como chegamos ata aquí?

OS 80

Todo comezou, trala Transición, co peche ao tráfico da rúa Héroes del Alcázar, que inmediatamente pasou a ser coñecida como A Baldosa, pois de tal material era o novo solado, ao igual que toda a rúa Valentín Viqueira. Sen embargo, non foi ata 1987 cando se pechou a rúa Juan García, pola que se podía ir en coche (ou camión) dende Conde de Vallellano para atravesar Valentín Viqueira (peonil) e seguir por Méndez Núñez ata a Constitución. Precisamente no verán dese ano Méndez Núñez e a súa paralela, Romero Ortiz, foron obxecto dunha peonalización “experimental” –as sinais de prohibición da circulación desaparecían cada dous por tres- que se converteu en definitiva ao ano seguinte.

OS 90

Animados polo éxito do peche ao tráfico das primeiras rúas, os 90 foron os tempos das semi-peonalizacións: gañar espazo nas beirarrúas, eliminando as xa típicas dobres filas de aparcamento, facendo direccións únicas de circulación e instalando árbores e mobiliario. Así foi o caso das rúas de Castelao o Rey Daviña, pero tamén os da continuación da Baldosa, Ramón y Cajal, ou as prazas de Martín Gómez Abal (O Castro) e Ravella. Sen embargo, o salto definitivo chegou coa humanización da praza de Galicia (1998): aínda deixando circular os vehículos cara Conde de Vallellano ou Rey Daviña, o centro da cidade foi recuperando, pouco a pouco, o seu carácter de ágora.

OS 2000

Ademais de continuar coas “humanizacións” –foi o caso das prazas da Independencia ou da Constitución-, o outro gran salto cara adiante na conquista do centro chegou co peche total ao tráfico das rúas de Covadonga, Castelao, Brandariz, Xeneral Pardiñas e Rey Daviña. Con isto tamén desapareceu a circulación baixo o arco que une o pazo e o convento de Vistalegre, e o que foi a antiga estrada que percorría Vilagarcía, dende Vistalegre ata a Constitución, converteuse toda en peonil, agás o tramo da praza de Galicia que permitía o paso de vehículos cara Conde de Vallellano. A praza de Ravella transformouse igualmente en zona peonil, só atravesada pola avenida de Juan Carlos I.

A ACTUALIDADE

Despois de ampliar a zona peonil nos últimos tramos de Arapiles e Ramón y Cajal, chegou o momento de actuar, de novo, sobre a praza de Galicia, de xeito que agora si é posible ir camiñando dende Vistalegre á Constitución. Veu despois a praza da Independencia, a histórica praza do Mercado, que xa é peonil agás nun único vial de circulación –de saída- dende Padre Feijoó cara San Roque. A intención é seguir gañando o centro pero cunha idea de conxunto, evitando que se creen illas peonís; de aí a conexión das obras da praza de Galicia coas da Independencia e tamén por Arcebispo Lago e Conde de Vallellano.