O 60% dos desprazamentos na cidade non sobrepasan os 5 kms e só o 34% se realizan andando

Dos case 60 asistentes que onte participaron na constitución da Mesa da Mobilidade, so dez acudiron ao centro sociocultural de Vilaxoán andando. Ninguén o fixo e transporte público e o resto, en coche. Esta foi a “radiografía” coa que os técnicos das empresas Gea21 e Traza Territorio iniciaron a súa exposición sobre o diagnóstico de “como nos momentos en Vilagarcía de Arousa” viñeron facendo nas últimas semanas tirando da man de estatísticas, planos, entrevistas e percorridos polo municipio –non só os cascos urbanos- a pé, en bici e tamén en coche.

Na xuntanza participaron representantes de todos os partidos políticos da Corporación, tamén representantes de entidades como Zona Aberta, Ahituvi, Asociación de Praceiros, Greenpeace ou Arousa en Bici, tamén varias asociacións veciñais e, igualmente, veciños e veciñas a título particular. Todos quedaron emprazados a participar nos vindeiros talleres e encontros que se van a seguir realizando en distintos puntos do termo municipal. O goberno local quere agradecer publicamente a participación de todas esas entidades e particulares, que, coas súas aportacións, contribuirán a facer un PMUS máis pegado á realidade vilagarcián.

Na súa exposición inicial, os técnicos Gonzalo Navarrete e Christian Kisters realizaron unha exhaustiva análise da situación actual de Vilagarcía de Arousa, coas súas debilidades pero tamén fortalezas. Así, por exemplo, indicaron que o 62% dos desprazamentos que se realizan cada día no concello non van máis alá de 5 kilómetros (a metade, non chegan aos 2 kms), que son distancias facilmente asumibles para facelas andando ou en bicicleta. Sen embargo, só o 34% dos desprazamentos diarios se realizan a pé, advertindo dun uso moi minoritario do autobús ou a bicicleta.

Dous de cada tres vivendas posúen coche

Outros datos tamén moi impactantes son o constante incremento da motorización, que, aínda que e menor á media provincial, o certo é que o número de coches crece por riba do que o fai a propia poboación, ao que se suma o feito de que dúas de cada tres vivendas dispoñen de coche. Aínda que os técnicos destacaron a existencia de grandes bolsas de aparcamento arredor do casco urbano de Vilagarcía, e valoraron que cada vez hai máis zonas peonalizadas e que as novas superficies comerciais incorporan estacionamento propio, tamén advertiron que coa actual tendencia chegará un momento en que non haberá espazo público dispoñible suficiente para asumir ese gran parque móbil. De aí a necesidade de repensar cal é modelo de futuro.

Os redactores do Plan tamén teñen analizadas todas as rúas que teñen ou carecen de beirarrúa e plantearon o debate sobre como actuar no viario das zonas rurais e como conectar estas áreas coas máis urbanas, como mellorar o servizo público de transporte –cando non é unha competencia propia municipal, senón da xunta- ou o fomento do uso da bicicleta (neste sentido expuxeron irrefutables datos comparativos de uso da bicicleta e obesidade infantil entre España e diversos países europeos).

Foi neste contexto no que veciños, representantes veciñais e políticos fixeron diversas reflexións e aportacións, como as dificultades de “entrar” en Vilagarcía; o pouco uso da bicicleta en comparación coa extensión das ciclovías; a necesidade de crear espazos compartidos e non tan compartimentados para peóns e ciclistas; a pouca concienciación social sobre o futuro das cidades e a redución de emisións a atmosfera; a existencia de atrancos -é o caso dos contedores de lixo- xusto ao carón de pasos de peóns; etcétera.

Incluso houbo quen planteou que o PMUS debería ser anterior á realización de obras como as que se están desenvolvendo nestes momentos, ao que o equipo redactor respondeu que as cidades levan centos de anos funcionando e teñen que ir avanzando, que nalgún momento hai que comezar a planificar a mobilidade e que, en todo caso, non todo se pode executar dunha vez. Paola María, concelleira de Urbanismo e Mobilidade, engadiu que as ciclovías contan co seu propio plan de desenvolvemento, realizado ademais por un estudio de prestixio que hoxe é o encargado de realizar a rede EuroVelo da UE en España, pero tamén insistiu en que os proxectos se executan por fases, en función da dispoñibilidade económica de cada momento, do mesmo xeito que é materialmente imposible acometer dunha soa vez toda a renovación da rede de saneamento do Concello.

Participación aberta

Nos vindeiros días comezará a funcionar unha web, velaivai.vilagarcia.gal, onde se irá recollendo toda a documentación e información xerada na elaboración do Plan de Mobilidade Urbana e Sostible e onde os vilagarciáns, vivan onde vivan, poderán seguir aportando as súas suxestións para proxectar, entre todos, a Vilagarcía do mañá.

O concello abre o proceso de participación cidadá do PMUS coa constitución da mesa da mobilidade Velaívai!

Dentro dos traballos previstos para a realización do Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS), o concello vén de convocar para o vindeiro luns, a partir das 7 da tarde, no centrosociocultural de Vilaxoán, un acto co que se abre o proceso de escoita e reflexión pública sobre a modelo de mobilidade que Vilagarcía desenvolverá nos vindeiros anos. Un proceso titulado Velaívai!, en clara referencia ao programa que xa se vén executando baixo o título de Vai! e as súas derivantes: Vaibike! (préstamo de bicicletas), Vaibús! (transporte en bus) e Vaiapé! (metrominuto). Partidos, asociacións de veciños, Anpas e diversos axentes sociais como Zona Aberta, Ahituvi ou Arousa en Bici xa foron convocados formalmente.

Con todo, á iniciativa pode sumarse calquera veciño a título individual. Porque, en definitiva, diso se trata. Para que un instrumento de planificación como o PMUS teña éxito, é preciso que a súa definición sexa participativa: veciñas e veciños, axentes sociais e económicos, equipos técnicos e institucións públicas. De aí o acto programado para o vindeiro luns, que contara coa presenza dos técnicos da empresa contratada polo concello, GEA21, para desenvolver ese plan e con ampla experiencia en actuacións similares relativas á mobilidade en Madrid, Vitoria-Gasteiz ou Logroño, por poñer só tres exemplos.

Ademais de presentar a Mesa da Mobilidade, que terá continuidade no futuro noutros lugares do municipio, precisamente para visibilizar que a participación e a mobilidade implican a todo o concello, non só ao casco urbano de Vilagarcía, tamén se realizará un primeiro obradoiro para coñecer “como nos movemos en Vilagarcía de Arousa”, que é o reclamo da reunión.

Ademais da participación presencial, o concello e a empresa abrirán tamén outro canle de escoita: unha enquisa dixital que poderá ser contestada a través da web www.vilagarcia.gal. Igualmente, en videiras datas porase en marcha unha web específica, velaivai.vilagarcia.gal, na que estará dispoñible toda a información e documentación que vaia xerando o proceso de reflexión e participación, e que terminará, cara o mes de outubro, coa presentación da proposta do primeiro Plan de Mobilidade Urbana e Sostible do Concello de Vilagarcía de Arousa.

A elaboración de PMUS está xustificada polas iniciativas políticas e a lexislación europea, nacional e autonómica, diante dos retos medioambientais que afronta a sociedade e o planeta. Ademais de deseñar e planificar as accións a desenvolver nos vindeiros anos na cidade e no municipio, os PMUS teñen tamén como misión fomentar hábitos de mobilidade máis respectuosos co medio ambiente (a pé, en bici, en transporte público), reducindo o uso do coche e outros vehículos privados motorizados e, polo tanto, gañando calidade de vida. Para que iso sexa posible, é necesaria, en primeiro lugar, a participación de toda a veciñanza e esa a razón do proceso que bota a andar o vindeiro luns en Vilaxoán.